Relixión: A parábola do bo samaritano
Bos días! 😊
No mes de xuño repasaremos algúns contidos de Relixión
que traballamos na aula. Hoxe tócanos un que abordamos en todas as áreas e
tamén nos recreos: axudar aos demais.
Propóñovos ver estes dous vídeos, que tratan sobre unha
das parábolas máis coñecidas: O bo samaritano. As parábolas son breves historias
que Xesús contaba á xente que o seguía para ensinarlle e aparecen
recollidas na Biblia.
O primeiro vídeo resume a parábola nunha canción e fainos
unha pregunta: Cal das persoas que se atopou co home ferido actuou de forma
máis humana? É dicir, quen vos parece que actuou mellor? Por que?
No segundo dos vídeos preséntase a parábola con máis
detalle, pero a mensaxe é a mesma:
Naquel deserto e naquela época non había teléfonos. Nós,
ante unha emerxencia, debemos pedir axuda aos que nos rodean, a unha persoa
adulta ou, se estamos sós e temos un teléfono, chamar a un destes números:
112 (emerxencias en
xeral) 061 (emerxencias
sanitarias)
Despois de ver os vídeos podedes facer as seguintes
actividades:
1.- Contádelle a alguén de que trata esta parábola.
2.- Dobrade un folio en dúas partes iguais imitando un
libriño. Abrídeo de novo e collede material de escritura e debuxo.
3.- Na metade da esquerda escribide o título “O bo
samaritano” e facede un debuxo relacionado con esta parábola.
4.- Na metade da dereita escribide o título “Eu tamén podo
axudar” e debuxade unha ou máis situacións nas que vós podedes axudar aos demais (por
exemplo: na casa, na escola, na rúa...).
5.- Coloreade os debuxos con ceras ou rotuladores.
6.- Sacádelle unha foto a este traballo para
enviarmo a través da Aula Virtual (tedes de prazo ata o 7 de xuño ás 15:00
h.).
Se tedes algunha dúbida podedes preguntarme na seguinte
videoconferencia.
Unha forte aperta
A mestra de Relixión