Lingua Galega e Literatura: 1 de xuño
Bos días!
Hoxe comeza xuño, un dos meus meses preferidos do ano,
porque nel sucédense as dúas estacións que máis me gustan: a primavera e o
verán. E a vós, cal mes vos gusta máis? E cal estación? Falade con alguén sobre isto cando sexa un bo momento, tratando de manter a conversa en galego.
Á primavera deste 2020 quédanlle tantos días como a nós
de curso. O 19 de xuño, o día que rematan as clases, será tamén o último día
completo da primavera, xa que o 20 de xuño ás 21:44 horas terá lugar o solsticio
de verán, que marca o cambio da primavera ao verán. Ese será tamén o día máis
longo de todo o ano e, a partir del, os días comezarán a acurtarse, lentamente.
Como comezamos un novo mes é un bo momento para repasar, de novo, os días, os meses e as estacións en galego. Podedes dicilos en voz alta e
despois comprobar. Se algún se resiste, repetídeo varias
veces para memorizalo e escribídeo.
DÍAS DA SEMANA
luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado, domingo
MESES DO ANO
xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, xuño, xullo,
agosto, setembro, outubro, novembro, decembro
AS ESTACIÓNS
primavera, verán, outono, inverno
Despois dedicade uns minutos (arredor de 10) a ler en A nave dos
libros ou en calquera outro libro en galego que teñades en casa que sexa axeitado
á vosa idade. Se xa lestes o post sen axuda xa é suficiente!
Mañá traballaremos na fotocopia titulada “VOCABULARIO E
ORACIÓNS”, que vos enviei no sobre de galego.
Que pasedes un bo día!
A mestra de Lingua