LCL / LGL: ¡Feliz verano! Bo verán!
Benqueridos
nenos e nenas de 1º EP:
Chegou este día especial de fin de curso que tanto
desexabades algúns e algunhas. Non é de estrañar, porque despois de todo o que
traballastes estas vacacións son máis que merecidas!
E se queredes seguir traballando no verán? Por suposto,
conto con que leades, en castelán e en galego, e que escribades de vez en cando
(receitas, xogos de palabras, un poema, un conto...). Se queredes facer
actividades como as que propuxen estes meses repasade os posts de Lingua Galega
e Literatura e Lengua Castellana y Literatura, pois neles tedes propostas nas que
podedes introducir variantes. Nos que publiquei esta semana fixen un breve
repaso que tamén vos poderá servir de axuda.
Hoxe tamén vos enviarei unha mensaxe personalizada a
través da Aula virtual; xa vos fixen chegar algunha as semanas pasadas
comentando os vosos traballos.
Antes de despedirme, teño que darvos as grazas por todo o
que compartimos este curso: os vosos textos, lecturas, comentarios, debuxos, as
vosas ideas xeniais, os vosos xogos, os vosos sorrisos, a vosa ledicia... Podería
facer unha lista enorme, mais non quero aburrirvos.
Con todo o meu cariño, quero desexarvos o mellor para
este verán: coidádevos moito e pasádeo xenial!
Quérovos moito! Xa sabedes o que di un dos meus contos
favoritos: de aquí á Lúa, e volta!
Unha aperta agarimosa e moitos bicos
María
Actividades para
celebrar o remate do curso:
Lembro que un día me preguntastes que vía eu de nena na
televisión. Tíñao reservado para o último día de clase, penso que vos fará rir,
porque pasaron os anos e cambiaron as modas, pero que mellor que rir nun día especial
coma este? Trátase dun fragmento dun episodio de Barrio Sésamo que ten
que ver coas vacacións de verán. Polo minuto 2:25 comeza unha canción moi
pegadiza, pero quizais vos guste ver tamén os instantes anteriores:
Se despois desta canción tedes ganas de escribir,
adiante: podedes contar cales foron os mellores momentos do curso e facer un
debuxo, facer un listado de plans para o verán, inventar rimas relacionadas con
fin de curso ou coa chegada do verán ou escribir un conto para o osiño que
encabeza o post.
Tamén podedes aproveitar para ler. Iso sempre!
E xa que houbo canción en castelán, propóñovos tamén
cantar e bailar con esta canción en galego tan acaída para o día, porque repite
que “eu teño alguén no meu corazón”:
¡FELICES VACACIONES!
FELICES VACACIÓNS!
¡BUEN VERANO! BO VERÁN!
