Lingua Galega e Literatura: Conversacións entre bonecos


Bos días!

Hoxe precisades para a actividade algúns bonecos, bonecas ou peluches, imaxinación (tedes moitísima! 😉) e moitas ganas de falar en galego.

Con todo isto imos repasar as presentacións e saúdos con aquela actividade que fixestes tan ben a comezo de curso. Acordádesvos?

- Ola! Como te chamas?
- Cantos anos tes?
- De onde es? / Onde vives?

Nesta ocasión os que se presentarán son os vosos xoguetes. Tedes que inventar situacións e diálogos en galego para eles. Podedes facer varios en diferentes momentos do día. Non é necesario escribilos, hoxe toca FALAR!

Imaxe de Bruno /Germany en Pixabay

Aquí tedes algúns exemplos:

Exemplo 1: Diálogo entre o peluche Pepín e a boneca Flor. Situación: atópanse no parque.

Pepín.- Bos días!
Flor.- Ola, bos días! Como te chamas?
Pepín.- Chámome Pepín. E ti?
Flor.- Eu son Flor. Nunca te vira por aquí. Es da Estrada?
Pepín.- Non, son de Muros, pero estou pasando uns días de vacacións cos meus tíos.
Flor.- Cantos anos tes?
Pepín.- Teño 6, e ti?
Flor.- Eu son moito maior, teño xa 7!
Pepín.- Si, moito maior, moito maior... Pero se só me levas un ano!

Exemplo 2: Diálogo entre o boneco do Capitán América e o peluche Pluto. Situación: atópanse na praia.

Capitán América.- Ola! Que castelo de area máis bonito!
Pluto.- Graciñas! Levoume moito tempo, nunca fixera un tan grande. Escondín debaixo o mellor óso.
Capitán América.- Anda, que boa idea! Como te chamas?
Pluto.- Non me coñeces? Son Pluto.
Capitán América.- Soábame a túa cara. E ti coñécesme?
Pluto.- Si, es o famoso Capitán América.
Capitán América.- Exacto! Podo xogar contigo?
Pluto.- Claro, facemos outro castelo?
Capitán América.- Xenial!


Unha aperta
A mestra de Lingua

Entradas populares de este blog

Thank you card!

Wild plants and crops and this or these

How to make your Windmill and review about water🚰 and air🌬