Lingua Galega e Literatura: A voltas cos museos
Bos días!
Que tal pasastes a fin de semana das Letras Galegas? Deuvos
tempo a facer algunha das actividades sobre Ricardo Carvalho Calero? E a
receita con salmón?
Imos de celebración en celebración, porque onte, 18 de
maio, foi o Día Internacional dos Museos. E xa sabedes o moito que me gustan a min
os museos!
Como acontece con outras datas sinaladas, cada ano
escóllese un lema para a celebración. O deste ano 2020 foi “Museos pola
igualdade: diversidade e inclusión”.
O cartel escollido polo ICOM (International Council of
Museums = Consello Internacional dos Museos), o máximo organismo mundial dos
museos e profesionais que traballan nos museos, foi este:
Fonte da imaxe: https://icom.museum/es/
“Museos pola igualdade: diversidade e inclusión”
significa museos accesibles a todos e todas, pero tamén a todas as ideas e a
todas as miradas. O cartel trata de representar a diversidade, pero se vos fixades os debuxos repítense. As persoas están representadas de medio corpo, co tronco
de fronte e a cabeza de perfil.
Buscade no cartel:
Retratos ou debuxos que se repiten.
Persoas que miran cara a dereita.
Persoas que miran cara a esquerda.
Parellas de persoas que se miran.
Persoas que non se miran.
Contade as persoas
segundo a camiseta que levan e escribide oracións:
Por exemplo, primeiro contade as persoas que levan a camiseta
de cor laranxa. A continuación completade a oración e escribídea:
Hai _____ persoas que visten camiseta de cor laranxa.
Facede o mesmo coas que levan a camiseta azul, verde, rosa e
amarela.
Cantas persoas hai
representadas no cartel?
Se sumades as persoas que visten as diferentes camisetas,
poderedes saber cantas persoas hai en total no cartel. Podedes facelo con
calculadora. Despois completade a oración e escribídea:
No cartel aparecen representadas _____ persoas.
A continuación, preséntovos tres museos e tres propostas,
para que poidades entretervos ao tempo que practicades galego, castelán e inglés:
1.- MUSEO DE
PONTEVEDRA
Comezamos por un museo que está na cidade de Pontevedra,
o Museo de Pontevedra.
Na súa sección “O Museo en familia” presenta varias
actividades que podedes realizar na casa. Recoméndovos facer unha das
relacionadas coa exposición “Debuxantas. Pioneiras da ilustración”:
Neste pdf podedes atopar información en galego sobre a
exposición, unha proposta para facer un lapiseiro, varias das obras expostas
cunha breve explicación e un marco baleiro para crear a vosa propia obra de
arte.
2- MUSEO NACIONAL
DEL PRADO
O Museo del Prado está en Madrid e para celebrar o 18 de
maio presentou na súa páxina web unha actividade na que os personaxes dos
cadros saen á rúa para acompañar a todas as persoas que, en circunstancias
normais, pasearían polo Paseo del Prado e farían cola para entrar no museo. Aceptades o reto de localizalos no debuxo? Pinchade no enlace:
3.- TATE KIDS
Fonte da imaxe: https://www.tate.org.uk/kids
A Galería Nacional de Arte Británica e Arte Moderna de
Inglaterra está composta por catro museos: Tate Britain e Tate Modern están en
Londres, mentres que Tate St. Ives está en Cornwall e Tate Liverpool, como o
seu nome indica, en Liverpool. Teñen unha grande presenza en internet, e unha
das súas páxinas web é Tate Kids, que ofrece información, vídeos, fotografías
de obras de arte, xogos e propostas de manualidades para os nenos e nenas. Animádevos
a explorala pinchando neste enlace:
Agardo que vos gustara algún destes recursos! Se non
tivestes tempo a exploralos todos non importa, podedes utilizalos outro día.
Unha forte aperta
A mestra de Lingua



