Lingua Galega e Literatura: Lectura comprensiva dun conto
Bos
días!
Que tal van eses paseos? Agardo que moi ben.
Comezamos a semana cunha lectura. Trátase dun conto sobre
dous ratos que eran curmáns, pero vivían en lugares moi diferentes. É un conto
moi coñecido, quizais saibades outras versións. Esta adapteina para vós:
![]() |
| Imaxe de Chun Li en Pixabay |
O rato de campo e o rato de cidade
Unha mañá de primavera, o rato de cidade fixo a maleta
para ir de visita onda o seu curmán o rato de campo. El recibiuno moi contento
na súa humilde casa. Preparoulle unha comida moi rica e despois levouno a pasear
polo campo para respirar aire puro.
Cando chegou a noite estaban moi cansos e foron durmir.
Pero á mañá seguinte o rato de cidade queixouse:
-
Non
peguei ollo en toda a noite! Bramidos de vaca, rinchos de cabalo, quiquiriquís
de galo, miañar de gatos… Aquí non hai quen durma!
Aquela mesma tarde, o rato de cidade marchou. Os dous
curmáns despedíronse despois de prometer verse pronto. E así foi.
Uns días despois, o rato de campo foi á cidade. Pasou moitos
perigos ata chegar á mansión do curmán, unha casa enorme e moi luxosa. Cantos
coches, autobuses e peóns! Case o pisan!
O rato de cidade recibiu ao seu curmán nun salón moi
luxoso. Nel había unha mesa cunha fabulosa comida. Os dous ratos subiron a
comer aqueles manxares, mentres o rato de cidade non paraba de dar explicacións
sobre o ben que se vivía na cidade. Pero, de súpeto, apareceu un enorme gato e
subiu á mesa dun chimpo.
Os dous ratos fuxiron a todo correr cara á rateira. Por
sorte, conseguiron entrar antes de que o gato os pillase. Vaia susto!
Entón o rato de campo dixo:
-
Eu non
che cambio o campo polos luxos da cidade.
E ese mesmo día volveu á súa humilde casiña do campo.
Adaptación do texto de Grence Ruiz, T. e Guerra Cañizo, A. M. (2015). Lingua
1 Primaria Segundo Trimestre. Proxecto Saber Facer. Santillana Educación,
Santiago de Compostela, pp. 106-107.
Actividades
Le o conto en silencio varias veces ata comprendelo. Se
tes ocasión, pídelle tamén a alguén que cho lea. Despois, anímate a ler unha
parte en voz alta.
Contesta oralmente ou por escrito ás seguintes preguntas:
1.- Quen son os protagonistas deste conto?
2.- Que relación tiñan? Arrodea a resposta correcta.
amigos irmáns veciños curmáns
3.- Por que non daba durmido o rato de cidade no campo?
4.- Cal dos dous ratos vivía nunha mansión?
5.- Que é unha mansión?
Le de novo a oración final do conto. Elimínaa e inventa
outro final para esta historia.
Por último, podes facer un debuxo.
Que pases un bo día!
A mestra de Lingua
