Lingua Galega e Literatura: Imaxinando...
Benqueridos nenos e nenas de 1º:
Quedaramos en que neste “Mes do libro” vos ía presentar
algúns dos meus libros e historias favoritas. Uns encantábanme cando era nena,
outros descubrinos máis adiante, como é o caso deste relato que reproduzo a continuación.
Titúlase “O neno que imaxinaba” e pertence ao libro Contos para nenos que
dormen deseguida, de Pinto & Chinto. Cando o leades notaredes que este
neno ten bastante en común con nós nestes días, aínda que por diferente motivo.
O
neno que imaxinaba
Aquel
neno era o único neno na aldea, non había ningún outro neno con quen xogar, así
que aquel neno creou un amigo imaxinario. Como aquel neno e o seu amigo
imaxinario non tiñan xoguetes, aquel neno creou unha bicicleta imaxinaria, e
unha pelota imaxinaria, e un imaxinario cabalo de cartón.
O
inverno estaba sendo moi duro na aldea, e os pais daquel neno non o deixaban
saír fóra. Entón aquel neno imaxinou que era verán, e imaxinou que el e mais o
seu amigo imaxinario saían fóra, e imaxinou que corrían polos campos, e
imaxinou que collían froita madura das árbores, e imaxinou que ían bañarse ao
río.
E
logo aquel neno imaxinou que alguén escribiría esta historia, e que alguén a
estaría lendo neste preciso momento.
Pinto & Chinto (2013). Contos para nenos que
dormen deseguida. Kalandraka, Pontevedra, p. 45.
Actividades
Le o conto en silencio. Le o conto ou unha parte do mesmo
en voz alta.
Pídelle a alguén que che lea o conto.
Contesta ás seguintes preguntas comentándoas con alguén:
- O protagonista do conto, por que non xogaba con outros nenos?
- Por que creou xoguetes imaxinarios?
- Por que non podía saír fóra da casa?
- Que imaxinou para o verán?
- Se ti foses o/a protagonista do conto, que xoguetes imaxinarios crearías? E que imaxinarías para o verán?
- Que nome lle poñerías a este neno?
- Como imaxinas a este neno? (aspecto físico, roupa e forma de ser)
- Como imaxinas ao seu amigo imaxinario?
Por último, imaxina que che encargan ilustrar este conto.
Fai o debuxo que che gustaría atopar xunto a el nas páxinas do libro. Non tes
porque seguir o estilo da cuberta. A ilustración deste conto pode ser como ti
queiras.
Que teñas moi bo día e que imaxines moitas cousas bonitas!
Unha aperta
A mestra de Lingua